lunes, 6 de mayo de 2013

Txantrea - Fisober. 3-3


SEGUNDA DIVISIÓN NACIONAL

RESULTADO : TXANTREA – FISOBER “CONCELLO DE VIMIANZO” . 3-3

TXANTREA : Burguete, Kris, Diana, Ibáñez e Nerea ; tamén xogaron : Sandra, Virginia, Ane, Medina, Goizargi,Maider e María.

FISOBER : Eva, Elsa, Ana, Noelia e Barca ; tamén xogaron : Myrella e Inés.


Árbitros : Mikel Elizalde e José Antonio Piñar ; Crono :  Iñaki Percaz.

GOLES : 0-1 Noelia, 1-1 Sandra, 2-1 Ibañez (descanso ) 2-2 Ana , 2-3 Barca, 3-3 Virginia.

O Fisober acadouna tarde do sábado a súa permanencia en Segunda División Nacional despois do seu empate en Pamplona e aproveitando que ningún dos seus perseguidores lograra puntuar.

Un partido marcado pola insoportable calor no Pavillón e a pesares de que as da Costa solo puideron desprazar sete xogadoras por mor das baixas, o excelente traballo e esforzo das sete fixeron que trouxeran un punto e a salvación para a casa e posiblemente mereceron algo máis.

O partido arrancou da mellor maneira para o Fisober , xa que os tres minutos unha xogada por banda de Barca, remata co lanzamento desta a porteira local que non atalla e Noelia en boca de gol fai o cero a un.

As locais querían igualar e solo un minuto despois un lanzamento de Kris era atallado por Eva. Os minutos ían pasando e o Fisober ben colocado atrás e tentando buscar algunha contra.

As navarras non creaban excesivo perigo en xogada, pero eran temibles a balón parado e nos lanzamentos lonxanos. Os oito minutos Virginia tiña unha ocasión que remataba en saque de esquina. E no lanzamento deste Sandra igualaba o partido.

Os once minutos como consecuencia dun despiste nas visitantes nun saque de banda Ibáñez poñía as locais en vantaxe cando máis controlado tiñan as da Costa o partido.

Tocaba remar de novo o Fisober para acadar algo positivo. As visitantes tomaron o mando do partido pero as ocasións claras non chegaban. Os últimos minutos antes do tempo de lecer foron moi bos por parte das da Costa.

Entrando case no último minuto unha falta na frontal era lanzada por Barca a mesma cruceta da portería local. E pouco despois unha xogada da mesma Barca enviaba o segundo pau onde se atopaba sola Inés que non chegou por centímetros para acadar a igualada, así encararon os vestiarios co dous a un para as locais.

O Fisober buscaba traer algo positivo de Pamplona e con esas gañas arrancou a segunda metade. O dominio do partido era delas. Os cinco minutos Ana roubaba un balón para poñer a igualada no electrónico.

A pesar da igualada o Fisober non se conformou, quería sacar algo máis. A falta de nove minutos para o fin de novo unha falta na frontal desta vez lanzada por Ana poñía en moitos apuros a porteira local.

Cando restaban sete minutos para o fin Barca aproveitaba a súa oportunidade para facer o dous a tres e acercar  un pouco máis a salvación o seu equipo.

O Txantrea seguía a crear moitísimo perigo no balón parado e así Diana enviaba un balón o pau cando parecía que non había un oco para que chegara alí e pouco despois Ane facía lucirse a Eva despois do enésimo  balón parado.

En cambio no xogo en estático o dominio era dun Fisober pero con pouca profundidade xa que as locais non presionaban en exceso e o resultado era bo para as da Costa. O partido daba a impresión de estar totalmente controlado polas visitantes.

Ata que todo trocou a menos de catro minutos para o fin cando as locais optaron por saír ca porteira-xogadora. Ca nova disposición táctica pecharon o Fisober, que acadou frear o empuxe local pero non era quen de manter o balón no seu poder.

O traballo defensivo de todas as xogadoras e da porteira Eva ía sacando do apuro as da Costa pero o crono parecía non correr. E cando restaba pouco máis de un minuto as locais atoparon o oco para que Virginia igualara a tres no electrónico.

Restaba un último minuto de sufrimento para as visitantes, xa que cando recuperaban as locais seguiron co ataque de cinco, e así foi sufrimento ata o último segundo deste partido para acadar o logro da permanencia.

O finalizar o partido chegaron as bágoas de ledicia por parte  de todas as xogadoras do Fisober despois de acadar a salvación e ter a opción de xogar unha tempada máis na Segunda División Nacional.

Un conxunto  que traballa en inferioridade de condicións e medios  o resto dos equipos da Liga, que apenas pode adestrar unha hora a semana, pero ca enorme ilusión e gañas do grupo foi quen de sacar adiante esta difícil e complicada tempada, o que engrandece un pouco máis o mérito destas rapazas que levan xuntas dende categorías inferiores e que conforme foron crecendo elas foi crecendo o equipo, e como non da xente que confiou nelas dende o primeiro día.



No hay comentarios:

Publicar un comentario