jueves, 28 de diciembre de 2023

28 D: Última hora no Muxía CF.

Acabamos de coñecer unha bomba informativa, pero segundo estivemos investigando é algo que xa leva meses cocéndose, nunca mellor dito.



Parece ser que a partires do día un de xaneiro o Muxía pasará a ser SAD, nun movemento impulsado polo antigo presidente Álvaro Rodríguez Caamaño, que será o novo máximo accionista  do club xunto cunha serie de persoeiros famosos que ademais ocuparan cargos no club. Na Lonxa D´Alvaro naceu todo.

As negociacións para o novo accionariado leváronse a cabo xunto ca reunión do ECOFIN celebrada  en Santiago de Compostela do 14 ó 16 de setembro. Nesa reunión a cal tamén asistían ministros de Economía e Finanzas de Latinoamérica e incluso membros do Banco Mundial, OCDE, CAF ...... Alí acordouse que o primeiro paquete accionarial terá un valor de 100 millóns de euros, o cal será o novo capital social do club.

A reunión aproveitando a presidencia de España na UE que realmente foi montada como tapadeira para crear o novo Muxía, pero de paso o goberno negociou e postulou fronte a outros  membros europeos o posto para Nadia Calviño coma presidenta do Banco Europeo de Inversións. A  filla do antigo director xeral de RTVE  con Zapatero coma presidente do goberno tamén será accionista do Muxía, de feito os seus coñecementos de idiomas ( inglés, francés, alemán...)  acadaron moitos grandes accionistas para o club, aínda  que o farán de forma totalmente anónima. Ademais  filtrouse que C. Lagarde será unha desas accionistas anónimas. Calviño será a nova tesoureira do club dentro do Consello de Administración.

Calviño tiña convencido a Pedro Sánchez pero a intervención de Puigdemont, freouno. Ó parecer dentro do pacto de investidura e xunto ca amnistía está que Pedro non pode entrar no Muxía, xa que Puchi veo coma un posible rival para o seu querido Girona. Pedro desexa ser corviño porque vermello xa é.

Vamos a pasar a presentalos grandes persoeiros e dicir o cargo que obstentarán:

Sabemos que Alberto Núñez Feijoo deixa a política despois de que Pedro Sánchez lle levara as últimas eleccións a base de pactos. Será o presidente do Consello de Administración, ten gañas de presidir, ademais de levarse un bo paquete da propiedade, vai gastar aforriños. Competencia para o grupo Élite de Ignacio Rivera e Tino Fernández, Estrella Galicia e Altia que controlan o Racing de Ferrol, con outros socios. Aquí chega o Muxía para superalos. 

Parece ser que foi Alberto o que convenceu a Nadia, cando chama Alberto vaise parece ser que dixo Nadia Calviño.

De feito Feijoo anda na procura de que Amancio Ortega se interese polo proxecto o cal sería un pulo imparable. Se o do Racing ten o nome de Grupo Élite o do Muxía nace co nome de Grupo Corviños.






El foi o vínculo para traer o club a José Luis Martínez-Almeida. Almeida de momento non deixa a política e compatibilizará a alcaldía de Madrid co posto de relacións cas autoridades, tan necesario nestes tempos. Almeida e Feijoo foron chave en falar co goberno para propiciar a reunión do ECOFIN en Santiago de Compostela. Que o Muxía vista de vermello encantoulle a Joselu.




O CEO do club e o xefe en materia deportiva vai ser Mateu Alemany, por iso deixou o Barça no seu día. Mateu xa leva tempo traballando na sombra e ten moitos fichaxes avanzados.




Coñecemos tamén que o novo adestrador do primeiro equipo será Juande Ramos, que quere voltar a despegar no Muxía despois duns anos afastado da primeira liña.





Unha sorpresa é quen vai a dirixir o feminino. Fai uns días coñecíamos unhas declaracións de Lionel Scaloni que estaba pensando deixar a albiceleste. Pois xa sabedes a razón. Lionel está canso de aturar ó outro Lío o que levou por fin o título mundial. Agora quere facer unha nova épica dende o Muxía feminino.



Con el chegará para xestionar a preparación física do club, Adrián Negro que agora entre outras cousas traballa para a federación escocesa de fútbol. Xa ten adiantado o fichaxe de Caroline Weir, actualmente a estrela escocesa do Real Madrid. Sweet Caroline soará a todo trapo na Arliña.

Para as categorías inferiores chega un ex compañeiro de Lionel, como é Manuel Pablo, con experiencia nas inferiores do Depor, ven con ánimos para levar  as do Muxía a cotas nunca soñadas na Costa.




Si as relacións cas autoridades locais as levará Almeida, para as internacionais estará Lorenzo Milá. O club pensa chegar en breve a xogar competicións europeas, de feito xa está a negociar con Florentino entrar na Superliga e de non acadalo, entrarían para xogar certas competicións da Liga Saudí.




O xefe de prensa do equipo masculino vai ser Matías Prats, que ademais vai ser o portavoz e cara visible en moitas entrevistas post partido. O club ten pensado crear unha televisión, requisito indispensable para entrar na Superliga.




A xefa de prensa do feminino vai ser Marta Doviro, algo que compaxinará co posto de presentadora na televisión do club.




As redes sociais serán levadas por Rodrigo Vázquez, que ademais levará un novo Quiz Show na televisión do club sobre historia do club e lendas da comarca.


O novo delegado do club será Barritos outro ex do Depor. Con el chegarán Raúl García de Loza coma delegado arbitral. Para temas legais chega o avogado muxián Manolo Martín.



A intención do club é retomar as prometidas obras do Novo Arliña, que será o escenario necesario si se quere xogar a Superliga. De feito xa están negociando con Paradores para que o Parador de Muxía se convirta no hotel de concentración oficial.

En caso contrario teñen pensadas unhas obras temporais para o campo que consistirían na construción dunha grada descuberta aproveitando a ladeira lateral na zona onde están actualmente os banquiños.

Nesa zona tamén na parte superior colocaríanse de forma provisional uns contedores de obra, similares o que hai na entrada do pobo como "auto oficina turística", para facer unha especie de palcos Vips na parte superior. Posiblemente xa se aproveite ese para iniciar a obra e quitala da entrada do pobo, será unha gran perda pola utilidade que tivo pero non queda outra.

Urxe tamén unha nova remodelación do teito da grada inferior que se está a descolgar de novo, non queren que pase como a última vez  que foi marchando pouco a pouco, desta vez van ir por diante do vento.

Estase a negociar tamén a creación dun himno para o club, pero aínda non transcendeu nin o autor, nin quen fara soar a música e letra. Aínda que todo parece indicar que as Abaladeiras de Muxía, Xaramiños do Corpiño e o gaiteiro muxián afincado nas Baleares , Javi Vázquez participarán dalgunha maneira, algo ó estilo de C. Tangana coa Oliveira dos cem anos é moi posible dado o cariño  que ten Álvaro Rodríguez polo equipo olívico.

Andan  traballando tamén nunha presentación no peirao ou na zona da rambleta xunto a Lonxa D´Alvaro por suposto. Podería haber un espectáculo festeiro cá Mimá Truck coma protagonista, pero está en suspense este feito.

Parece tamén que calquer persoa poderase facer con accións do club a un prezo de mil euros a acción. As accións deberán ser recollidas ante notario, é o notario oficial será Chimo Calvo, actualmente por terras baleares voltará a Galicia para esta operación da que é parte importante xa que grazas ós seus contactos e coñecementos de fútbol internacional fixo moito polo proxecto. Ademais coma capitán da selección española de notarios, acadou que todos os notarios de España se fagan con accións do club. Xunto con Álvaro vestiu a camisola do Muxía en tempos difíciles, agora xuntos buscan levar ó club a cimas increíbles.

Tamén negociou de non entrar na Super League unha nova competición a Liga Galicia Emigración. Ca axuda de Feijoo, falouse con clubs de paises con forte emigración galega, polo tanto podería ser calquera do mundo, pero xa está avanzada con Boca, River, San Lorenzo, Peñarol, Nacional, Flamengo, Atlético Mineiro,  Young Boys, Ajax, Anderlech, Fulham, Arsenal, América, Sao Paulo, Fluminense, Zurich, Pachuca, Vaduz, QPR,.... e unha longa lista de equipos por todo o mundo. Cos equipos galegos ó fronte Muxía, Depor, Celta, Racing, Compos, Lugo, Coruxo....

O club pretende dende Muxía ser unha referencia a nivel da Costa da Morte e incluso galego, buscando ser unha potencia. Tampouco se descarta comprar a praza dalgún club para ascender de maneira meteórica nas competicións nacionais o estilo do equipo do Chuflas.


De momento isto é o que coñecemos das novidades do club, pero seguiremos informando, saltan novidades cada segundo.



No hay comentarios:

Publicar un comentario