viernes, 26 de mayo de 2023

O Moucho. Rosalía de Castro.

Eu ben vin estar o moucho

enriba daquel penedo

¡ Non che teño medo, moucho,

moucho, non che teño medo!



Unha noite, noite negra
como os pesares que eu teño,
noite filla das sombrisas
alas que estenden os medos;
hora en que cantan os galos,
hora en que xemen os ventos;
en que as meigas bailan, bailan,
xuntas co demo pirmeiro,
arrincando verdes robres,
portas e tellas fendendo,
todas de branco vestidas,
tendido-los brancos pelos
contra quen os cans oubean
agoirando triste enterro;
cando relumbrar se miran
antre os toxales espesos,
cal encendidas candeas
ollos de lobo famento;
e os ramallaxes dos montes
antre sí murmuxan quedos,
e as follas secas que espallan
os aires da noite inquietos,
en remuíños se xuntan
con longo estremecemento,
indo camiño da igrexa,
soia cos meus pensamentos,
cabo da fonte da Virxe,
pretiño do cimeterio,
dempóis de sentir un sopro
que me deixóu sin alento,
eu ben vin estar o moucho
enriba daquel penedo.

Arrepuiñadas todas
as carnes se me puñeron,
e os cabelos no curuto
fóronse erguendo direitos;
gotas de sudor corrían
a fío polo meu peito,
e trembaba como tremban
as augas cando fai vento,
na pía da fonte nova,
que sempre está revertendo.
Aquel moucho alí ficando,
cal si fose o mesmo demo,
fito a fito me miraba
cos seus ollos rapiñeiros,
que coidéi que me roubaban
non máis que de lonxe velos.
De lume me paresían
e que me queimaron penso;
penso que eran tizós roxos
da fogueira dos infernos,
que polas niñas me entraron
hastra o corazón dereitos.
En el remorsos había
de amoriños pecadentos...
¡Ai, que ten deses amores,
non pode achar bon sosiego!

Chovía si Dios ten augua,
ventaba en todo-los ventos,
e ensarrapicada toda
a camiñar non me atrevo;
que o moucho, fita que fita,
me aspera naquel penedo;
mais acordéime da Virxe
que sempre conmigo levo;
résolle un Ave-María,
e cobrando novo alento,
como os páxaros do mare,
nadando paso o regueiro,
corro a enriba do valado,
brinco en baixo do portelo,
e dende alí berro estonces
con cantas forzas eu teño:
¡Non che teño medo, moucho;
moucho, non che teño medo!

No hay comentarios:

Publicar un comentario