domingo, 26 de marzo de 2023

O banco da lonja. Os inicios - A liga do capelán.

 Hoxe no banco da lonja vannos contar como se iniciou o fútbol en Muxía.



Eran os primeiros anos da década dos sesenta con Don Manuel Eirín como párroco da vila da Barca, trouxo un capelán chamado Don José  para axudarlle. Este novo capelán era un apaixoado do fútbol e así arrancou todo.

Cos nenos da catequese creou dúas ligas, unha de primeira división con catro equipos para os maiores os que tiñan como máximo sobre uns catorce anos. E unha de segunda división cos rapaces duns nove , dez ou once anos. Como nomes curiosos deses equipos que recordan no banco estarían Leóns da Virxe da Barca ou Pescadores entre outros.

Nesa liga con clasificación mediante puntos quedaría campión o Leóns da Virxe da Barca. Xogábase no que actualmente é a Camposa, onde había hortas pequenas na que se disputaban os partidos. Esta curiosa liga fixo que a afección polo fútbol se incrementara notablemente na vila.

Os campións recibiron como regalo polo título unhas camisolas como as do Atlético de Madrid, de raias brancas e vermellas, compradas polo capelán da catequese parece ser. Aínda que o regalo tiña truco, xa que as camisolas quedaron para tódolos rapaces. Resulta curioso xa que esas camisetas máis tarde chegaron a ser as de adestramento do Muxía, para que vexamos a durabilidade das mesmas e o que había que aproveitar naqueles tempos, que despois queixámonos de vicio e duraron moitos anos, non foi cousa dun día.

Daquel xerme saíron bos  xogadores e no ano 64 cando se iniciou a Liga da Costa, Daniel Rivadulla andivo máis listo ca ninguén e creou o UD San Isidro de Quintáns, aproveitando entre outros xogadores saídos da curiosa liga do capelán.

A zona onde actualmente están o instituto, o polideportivo, o cuartel  e o centro de saúde estaba cheo de pequenas hortas onde se disputou aquela liga como nos contan.

Aquelas hortas de diversos propietarios foron regaladas para facer o primeiro campo do Muxía o mítico Beiramar con Aurelio González coma primeiro presidente do Muxía, por aquel entón segundo nos contan Mugía CF. 

Foi un traballo en equipo e cheo de colaboración do pobo, a xente axudou a sacar as pedras das hortas. Deuse o curioso caso tamén de que había unha excavadora moi grande, así a define a nosa xente do banco, facendo pistas e contratárona para achandar o Beiramar. Parece ser que o custo do alquiler era de mil pesetas hora, unha barbaridade o prezo para aqueles tempos o que amosa as gañas que había de fútbol e divertimento en Muxía. A excavadora achandou e o campo fíxose en tempo record.

Unha vez achandado decidiuse de novo ca axuda da xente facer un peche e "choeron" unha parede para pechar perimetralmente o campo.

Xa co campo feito, principalmente de area e algo de terra, era o tempo das porterías. As porterías foron feitas da casa de Joseíño de Diz queren recordar. Como ao parecer foron feitas por José de Diz e Toni, moi barcelonistas ambos, crearonas a imaxe e semellanza das do Camp Nou, incluso co ferro de atrás igualiño. Unhas porterías que chamaban a atención pola súa beleza din.

En principio non había vestiarios e os xogadores cambíabanse ou na casa de algún veciño ou directamente fora. E claro de ducha nada, se non había mal tempo a lavarse as pedras do mar.

Tamén nos contan que as cores do Muxía foron elexidas para evitar polémicas. Como había moitos socios e simpatizantes do Madrid e outros simpatizantes do Barcelona para evitar polémicas decidiuse coller as cores da selección española con camiseta vermella e pantalón azul. 

Todo esto entre os anos 64 e 65 se non recordan mal xa que o Muxía iniciou a súa andadura na segunda edición da Liga da Costa

.Algún que outro di que nos anos vinte parece ser que existiu un equipo chamado Buserán pero non sabe nada máis do tema.

E ata aquí o conto de hoxe, esperando xa saber máis sobre o Muxía e porque non os derbis co San Isidro ou a primeira liga, confiantes en que nun próximo episodio nos falen diso.

Anteriormente:

O banco e Bernabéu.

O banco i Eduardo Toba.

O banco e os árbitros.




No hay comentarios:

Publicar un comentario